Os soutos orientados á produción de castaña ocupan en Galicia unha superficie dunhas 60.000 ha e producen unhas 20.000 Tn de castaña destinada ao mercado en fresco e á transformación, sendo as variedades tradicionais cultivadas durante séculos a base destas producións. As variedades tradicionais teñen unha distribución comarcal en zonas nas que están ben adaptadas e as máis valoradas polas empresas de transformación estanse a plantar en áreas máis amplas. Por outra parte, moitos viveiros están producindo planta enxertada das variedades máis demandadas, nalgúns casos sobre portaenxertos híbridos e noutros sobre plantas de semente de Castanea sativa. Nesta situación cómpre a regulación da comercialización das plantas en viveiro destinadas á produción de castaña. Con esta finalidade incluíronse 16 variedades tradicionais no Rexistro de Variedades Comerciais. O desenvolvemento da certificación supón o cumprimento dunha serie de requisitos por parte dos viveiros. É preciso facer unha síntese do estado de coñecemento das variedades e dos portaenxertos e a presentación dos procedementos de certificación, así como reflexionar sobre as repercusións da regulación da comercialización das plantas de viveiro para os produtores de castaña que sempre se ocuparon da conservación e multiplicación das variedades cultivadas nos seus soutos.

Máis información (PDF)

 

Comparte isto!